Martes 23 Outubro 2007 at 3:39 pm
O sábado día 20 de outubro, nun día espectacular e pouco propio destas datas, a Delegación de A Coruña do COAG celebrou en Redes, e non con Redes, o Día Mundial da Arquitectura. Esta foi unha das principais críticas da xente do pobo, a falta dunha invitación pública dos responsables do COAG aos veciños de Redes, algo tan sinxelo como pegar un carteliño nos bares e na tenda, poida que fose polo “descoñecemento do medio e as súas costumes”. Aínda así, un dos animadores do evento: Paco Pestana, convidou aos poucos veciños que se achegaron polo lugar.
Do mellor e máis salientable, por enriba do desembarco en lancha (na que os asistentes chegaron procedentes do Lorbé), case mellor que o grupo cubano, e superando os riquísimos “mojitos” foi o discurso deste Sr. Pestana ... ENRÉDATE!!!!!! Que gustou máis aos locais que aos arquitectos presentes e no que se lles pedía que non caesen en tentacións e que axudasen a conservar sitios como este, pero todo cun estilo, e dende unha tribuna ... únicos!
Os de Redes fixeron unha pequena mostra do que eran os traballos nas cabrias, non nas da Area Morta que non se poden ver dende o Pedregal, e unha vez rematado a pequena festa os do pobo quedamos e os ilustres foron para a Casa da Cubana, perdón Casa Amalia, na que unha morea de “jaimas” máis parecían un poboado do deserto do Sáhara, a por un xantar que seguramente estivo moi ben.
Xa volta a calma.
Martes 16 Outubro 2007 at 11:26 pm
Pois, como se pode ver nas imaxes, as cabrias están postas e aguantan, desta vez polo traballo dos profesionais dunha empresa que pon os postes da Telefónica. E o aliñamento é bastante máis lóxico que o anterior.
Así, todo vai quedando listo para que este sábado os arquitectos fagan unha festa para celebrar o ben conservado que está Redes, grazas a que eles interviñeron pouco ou nada no pobo...
En fin, habería que falar do “outro” Redes, o do abandono, como o das obras da praia da Area Morta, rematadas hai ben pouco, como o de moitas casas; do Redes dos altos prezos que fan que moitos veciños novos teñan que plantexar a súa vida fóra do pobo, provoca o envellecemento da poboación, así coma o peche da escola por falta de nenos; do feísmo que grazas ás administracións segue sendo unha ameaza; e o Redes das casas pechadas 11 meses ao ano...
Mentres todo isto cae sobre Redes, son os poucos veciños que viven no pobo os que manteñen as rúas limpas, coidando a parte que teñen próxima a súa casa, son os veciños os que coidan con esforzo e sen axudas as súas casas, e aínda así moitos deles nin sequera saben que viven nun sitio especial. Por certo que sería moi “instrutivo” dedicarse, ademais de a recuperar a memoria histórica, a aprender ao persoal acerca do rico patrimonio do que aínda gozamos e que deberíamos manter para que os que veñan non teñan que adicarse a recuperar a memoria histórica do que foi este Redes que aínda temos.
(máis)
Xoves 11 Outubro 2007 at 1:56 pm
O salgueiro de Curmá "chorou" por última vez estes días. Operarios do Concello cortaron e retiraron a árbore en dous días.
Segundo parece non faltaban razóns, pero ao pasar por este sitio parece que "falta algo".
Luns 01 Outubro 2007 at 11:19 am
Segundo os principais diarios de Galicia, os colexios de Ferrol e A Coruña, elixen Redes como exemplo de arquitectura sostible. Os arquitectos resaltan o "esforzo mantido polos veciños para preservar os seus valores urbanos e paisaxísticos, facendo fronte ás fortes presións urbanísticas que tanto degradaron as nosas costas".
(máis)