|
Os vestixios arqueolóxicos, se ben son abundantes na bisbarra os da época castreña, non foron aínda obxecto dun estudo profundo atopándose unicamente catalogado.  | A pesar desta falta de información de campo froito de traballos realizados nos depósitos coñecidos, podemos afirmar que con anterioridade á romanización a parroquia xa se atopaba habitada sendo o castro do Mourón un vestixio desta época. Por atoparse Caamouco entre varias localizacións importantes pertencentes á época romana, como son a vila de Noville (Mugardos), Sopazos e Centroña (Pontedeume), etc. nas que se levaron a cabo importantes traballos arqueolóxicos. A romanización tivo unha influencia notable sobre os habitantes, se ben de momento non existen vestixios de ningunha construción pertencente a esta época. A coexistencia das dúas culturas castreña e romana conduciu en moitos casos ao abandono de antigos asentamentos humanos e á fundación de novos núcleos urbanos. Algúns dos pobos da bisbarra poden ter o seu momento fundacional nesta época. |
|
 | | Transcorre o ano 1114 e posteriores e D. Pedro Fróilaz conde de Galicia, de Traba, de Trastámara, figura en certos documentos do Cartulario de S. Juan de Caaveiro como persoa cun referente claro a S. Vicente de Caamouco ben como: Petrus in Calamouco", "tenente Caamoquo Veremudus Petri". |
| | Máis tarde (1157) en documentos do Tombo de Sobrado aparecen dúas referencias ao seu fillo Fernando: "Dommus Vermudus e filius eius dommus Fernadus in Calamuco" e "Fernadus Veremudiz señor en Calamouco". Como conclusión a estas referencias hai autores que consideran a D. Pedro Fróilaz como conde de Caamouco, tamén quen estima que foi señor de Caamouco, propietario en Caamouco. O que se desprende do anterior e se pode afirmar; é que Caamouco era unha referencia importante a incluír nas cláusulas cronolóxicas dos documentos que asinaba D. Pedro e os seus descendentes e unha definición do estatus social dunha das familias máis poderosas e importantes da época. A principios do século XIII, o couto de Caamouco pertence á Igrexa de Santiago e así vaise manter ata a desaparición dos señoríos. (Nota -3) No ano 1397, prodúcese un feito en Caamouco que ten por se unha importante repercusión na bisbarra, a doazón de bens por Fernan Perez de Andrade e como consecuencia dela a fundación do Mosteiro de Sta. Catalina de Montefaro. O comezo do documento, escrito en galego, di: "Dia Domingo primeiro de jullio ano do nascemento do noso SeñorJesucristo de mil é trescentos é noventa é sete anos en S. Vicenzo de Caamouco Yo Fernan Perez de Andrade, é presenza de........". Para que en Caamouco se levase a cabo este importante acto, como mínimo tíñanse que dar varias circunstancias: existir unha construción o suficientemente ampla como para albergar os asistentes ao acto, unha familia, congregación ou persoa que fose garante do éxito protocolario e pode que tamén cunha loxística apropiada á circunstancia fundacional. Parece que todas as necesidades estarían cubertas existindo un pazo ou mosteiro en Caamouco. Hai importantes indicios documentais de iso e mesmo a existencia do topónimo "Pazo", nas terras inmediatas á actual Igrexa de S. Vicente de Caamouco, parece confirmar esta posibilidade. |
|
|
 | | En 1808 a entrada das tropas francesas en España propicio unha alianza con Inglaterra para defenderse do inimigo común francés e para esta misión foi comisionado D.Francisco Bermúdez de Sangro do Pazo do Piñeiro de Caamouco.
|
|
 | | Os topónimos, dentro da información dispoñible para dar corpo ao coñecemento histórico da nosa parroquia, son un dos elementos máis importantes a considerar, sobre todo por dispor de fontes documentais de diferentes épocas, xa que o seu estudo lévanos a coñecer os aspectos que configuran a arqueoloxía do topónimo. En moitos casos o topónimos son referencia a unha actividade, noutros cualifican un accidente xeográfico e sempre son unha referencia, que o paso dos anos non puido borrar, a un pobo e a súa lingua. |
|
|
|
|