| Declarado parque natural no ano 1997, con máis de nove mil hectáreas, sitúase próximo a Caamouco, polo que podemos achegarnos a pasar o día nun entorno de enorme beleza, que, por moitas veces que o visitemos, non deixará de sorprendernos. As fragas son zonas de bosque espeso, e as do Eume son o máis importante bosque atlántico costeiro que se conserva en Europa. O río Eume fixo a maior parte do traballo creando un canón ó redor do cal medraron os bosques, que son o fogar dunha variada fauna, e sobretodo, dunha abondosa vexetación, dentro da que se inclúen especies únicas deste entorno. |
| O Parque ten catro “portales” (entradas), o de Caaveiro é o principal, e o máis cómodo para aceder desde Caamouco, pasando Pontedeume en direción a Ombre (a estrada que leva o Mosteiro de Caaveiro) LC-151, chegaremos ó Parque percorrendo a beira do Eume, e pasando polas áreas de lecer da Xunqueira e a Alamameda, que ben merecen unha parada. Logo atoparemos o Centro de Información do Parque, o mellor sitio para planificar a nosa visita. No verán teremos que deixar o coche neste punto, para coller un autobús que nos levará o Mosteiro de Caaveiro cada media hora. O restaurante do parque está tamén neste punto, cun excelente menú a precios medios. As outras entradas son por A Capela, o Encoro do Eume (Goente), e Monfero (polo Mosteiro de Monfero). |  | Dentro do Parque as posibilidades son moitas, no Centro de Información podemos coller planos das rutas de sendeirismo que pasan polas Fragas. É moi recomendable facer algunha delas, alomenos unha parte. Moi boa a que percorre o río pola beira norte, saíndo un pouco máis adiante do Centro de Información. Esta ruta remata preto do Mosteiro de Caaveiro, pero podemos facela máis curta se cruzamos na segunda das pontes colgantes para voltar ó inicio. Outra, especialmente aconsellable, é a que percorrendo a beira sur do río Eume, sae da ponte que da aceso ó Mosteiro de Caaveiro, e chega a unha vella central eléctrica restaurada. É un pequeno paseo de ida e volta. |  | Non podemos deixar esta parte do Parque sen visitar o Mosteiro de Caaveiro, fundado no Século IX, e que esta sendo recuperado polo seu propietario, a Deputación da Coruña. Ata o pasado 30 de setembro tiña un guía que facía visitas cada media hora contando a historia deste espectacular monumento. |  | Non vos perdades o muiño do Mosteiro, e a ponte que leva o sendeiro que sube ata As Neves (A Capela). Pode que xa non teñamos tempo para moito máis, pero quedan moitas cousas que ver e facer: o Mosteiro de Monfero, o Encoro do Eume, rotas a Cabalo, paradas nas Cantinas do Eume, ... Dispoñemos dunha páxina web (www.eumeturismo.org) na que temos unha completa guía de aloxamentos, gastronomía, actividades, artesanía, ... Pode ser o mellor punto de inicio da nosa visita. |  | Os responsables do Centro de Información dixeron que no verán o número de visitantes foi moi superior ó esperado, moita xente, polo que o máis sensato é achegarnos fora da tempada estival, ou de calquera das pontes e minivacacións. Lembrade levar ropa de augas, calzado cómodo, impermeable, e que non esbare. E por favor, sede coidadosos coa natureza, só somos uns invitados, espectadores do que acontece nas Fragas do Eume. |
Reportaxe elaborada por Manel Naveiro |