| Flipade, entón dixo ... son gaiteiro, respondín ... ¡eu tamén!. De seguida entablamos conversa con eles, contaronnos que eran estudiantes da Universidade da Habana, que as horas extras empregabanas no estudio da nosa cultura e tamén da asturiana, un deles impresionounos coa súa soltura en bable que incluía unha chea de cancións medievais, ambientadas con flauta e gaita. Wilber, que así se chama o mozo negro, quixo saber onde estaba a miña gaita, díxenlle que eu non tiña. Ata daquela, tocaba cunha da Asociación de San Xoán de Piñeiro. Sorprendeuse e preguntoume coma era iso dun gaiteiro sen gaita. Contaron que tiñan catro, todas galegas, procedentes de doazóns da Xunta e que outras están expostas nunha fortaleza defensiva da cidade pero en perigo de esmorecer. Como un encontro entre gaiteiros da para máis, acordamos tocar ó día seguinte. Quedamos xusto fronte o Centro Galego, gustounos a idea dunha xuntanza fronte o edificio onde foi a estrea oficial do himno galego. Case non puiden durmir coa emoción, aló na Habana. Estaba confuso, ¿como pode ser? Topara cuns rapaces que nunca sairon da illa, un deles de orixe xamaicana e que por enriba falaran con soltura na nosa lingua, dos nosos músicos, da nosa cultura. As once da mañá, estábamos no lugar acordado. Agardaban sentados nun banco cos seus instrumentos. Foi un reencontro fraternal e cunha sorpresa, Wilbert fixome un dos mellores agasallos que recibín na vida. Era unha gaita con fol de coiro, roncón de buxo, faltaballe o soplete e o punteiro estaba roto, díxome xa ten vostede gaita. Boteime a chorar. E polas rúas da Habana soaron ritmos de muíñeiras, fixeron falla uns poucos acordes para darmos de conta de que estabamos ante un mestre. Con Wilbert toquei a muíñeira de Freixido, a Alborada de Veiga e o Himno galego, entre outras pezas. O músico mesturaba a gaita con rítmos afrocubanos con tambores batá, sons que nos deixaron abraiados. Wilbert fora alumno de Fernando Lorenzo, o último gaiteiro da Habana. Un vello emigrante e luthier, que antes de morrer dixo non quixera marchar deste mundo, sen deixar algún gaiteiro na Habana. Tivemos pois, a fortuna de topar co último gaiteiro que queda na cidade caribeña, un descendente das tribus xamaicanas con licencia para tocar na rúa. Daquela soubemos que con Wilbert, o noso instrumento máis inmorrente segue en boas máns. Na despedida non sabía como agradecer que alguén de tan fora levara candaseu a Galicia tan dentro, e non se me ocurriu outra cousa que quitarme a camiseta, esa do peixe negro que pon abaixo Caamouco, e coller os vinte dólares que nos quedaban. Agradezo a camiseta, sei que significa moito para vostede, pero cos cartos vou comer unha semana enteira. |