AIC Tenencia5O quinto número da revista de estudos lociais A Tenencia xa é unha realidade. A publicación, editada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco, verá a luz o vindeiro sábado 26 de agosto ás 20 horas, nunha presentación pública á veciñanza no centro social da entidade. Ademais de afondar nos contidos do novo volume, os asistentes poderán debater, opinar e mesmo facer achegas propias sobre a materia estudada neste número. 

Este quinto volume da publicación céntrase na información sobre a parroquia de Caamouco e o concello de Ares depositada no Catastro de Ensenada, unha minuciosa investigación sobre os habitantes, as propiedades, o gando, os oficios e as actividades económicas, levada a cabo en 1752.

Ademais, como é habitual, A Tenencia recolle outros temas de interese, moitos deles elaborados grazas ao traballo de colaboradores e expertos externos. Entre os contidos máis salientables, cómpre citar un artigo sobre os lindeiros da vila de Ares e a feligresía de Caamouco, outro sobre o curioso reloxo de sol que adorna a praza do Pedregal, en Redes; unha análise do complexo topónimo Caamouco e tamén un percorrido pola historia da ponte da ciscada, que separa as parroquias de Ares e Caamouco. 

Como en anteriores publicacións, A Tenencia tamén garda un espazo para algunhas das xentes máis singulares de Caamouco. Neste quinto número afóndase nos Camaniel, un apelido que en Redes está moi vinculado á emigración; ao tempo que se lembra a unha das personaxes máis singulares da vila, Joaquín "O Buzo" de Redes. Ademais, María Mercedes Díaz Ligüeri, quen fora mestra na escola de Seselle, repasa en clave autobiográfica a súa vida e o seu paso polo ensino na parroquia de Caamouco. 

O quinto número da revista de estudos locais conta coa colaboración do Arquivo Xeral de Simancas, do Arquivo do Reino de Galicia, do Arquivo do Concello de Ares, da Deputación da Coruña, de varios expertos e de numerosos colaboradores da parroquia de Caamouco. 

Traxectoria
O primeiro volume da revista da Agrupación Instrutiva de Caamouco publicouse no ano 1993. Naquel intenso e ilusionante traballo, a sociedade cultural definiu os piares do seu proxecto:unha publicación rigorosa, exhaustiva e centrada en Caamouco e na recuperación da súa historia e memoria.

Aquel traballo estivo encabezado por unhas sentidas verbas de Xosé Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda, considerados pola Agrupación veciños e socios de honra da sociedade centenaria. Cun decidido  “adiante!” pechando as súas palabras, a entrañable parella deu folgos á sociedade para seguir adiante cun proxecto considerado por moitos unha referencia a nivel galego no eido da investigación histórica local.

Despois de varios anos recuperando datos, documentación e historias, a singradura da revista A Tenencia continuou adiante, con novos lanzamentos no ano 2002, 2007 e 2011, ao que se suma agora esta quinta de 2017.