O Carballo, a imaxe que fala

O Carballo

A estrada que dende o cruce de Limodre recorre Caamouco, ata chegar a Ares, construíuse cando o século XIX atopábase no derradeiro cuarto. Entón o camiño Real deixa de ser a vía principal que comunicaba Ares e o Porto de Redes co resto do mundo.

A nova carreteira queda disposta para cumprir coa importante función de soportar o transito dos diferentes medios de transporte dedicados a levar e traer mercadorías e persoas. Por aqueles anos as carreteiras eran delimitadas por árbores que, deixando libres as cunetas polas que corrían as augas da choiva, se plantaban co espazo necesario para que as ramas, aínda tocándose, cubriran a distancia entre eles cando medraran. A especie mais utilizada era o plátano de sombra, (Platanus hispánica) tal como mostra a fotografía. Aínda que cando a carreteira pasaba por diante das casas, plantábase outra especie de arbore o arce branco (Acer pseudoplatanus), menos frondoso que o anterior. No tramo de estrada que se encontra diante da casa da Cubana esta era a especie que había na beira da estrada.

 

O Carballo, así se chama a estrada que vai dende a casa de Gaudiosa ata a finca do Lugar, nome que ven da finca ca estrada, ao seu paso, dividiu formando dúas fincas: A Ramallosa e O Carballo. Foi noutras épocas o paseo romántico de Redes. Por el paseaban as mozas e mozos buscando aquela relación de proximidade, fora das miradas murmuradoras, que non podían ter na Igrexa, nin na escola, nin na vila. A xuventude vivía en dous mundos separados pola moral que a Igrexa viña impoñendo dende séculos atrás e que no Carballo, naqueles tempos, se xuntaban. Risas, contos, picardías e xogos facían daqueles paseos polo Carballo as delicias da xuventude e tódolos os que as vivimos as temos gardadas no baúl dos gratos recordos de xuventude.

O fotógrafo que inmortalizou O Carballo, na fotografía que estades vendo, foi un home moi representativo das xentes do Porto de Redes do século pasado, chamábase Felipe Rojo Seijas irmán do moi querido, polos veciños de Redes, Quinin. Coincidindo con unha da súas estancias na vila sumouse a protesta que se organizou en defensa das árbores do Carballo que a Deputación e Concello decidiron cortar, sen consultar aos veciños. Entón foi cando Felipe fixo esta e outras fotografías, que coido mandou dende Alemania onde residía. As árbores se cortaron e o Carballo perdeu o encanto dos grandes árbores cheos de follas verdes que enchían de sombra a estrada, baixo os que pasaban os nenos cando viñan da escola e ían os noivos cheos de felicidade.

Ernesto López Naveiras, Madrid, 8-3-2017