San Vyçenço de Camouço, çinco mill mrs.

Esa é a referencia que aparece en "O Libro do Subsidio (1500)" como contribución da parroquia enmarcada en Besocos, co fin de facer os correspondentes repartos de diezmos.

http://gmh.consellodacultura.org/nc/catalogo/libro/f/80//l/9/ini/1/d/25/

O LIBRO DO SUBSIDIO(1500)
A Igrexa de Santiago contra 1500 (O libro do subsidio). Ed. de Mercedes Vázquez Bertomeu; Verín-Santiago de Compostela: Lóstrego Edicións, 2003. Mercedes Vázquez Bertomeu
Documentación de sentido estatístico na que figuran as taxas pagadas pola Igrexa de Santiago ao Papa e ao Rei, bastante insólita nas nosas fontes escritas.

Idade Antiga

Os vestixios arqueolóxicos, se ben son abundantes na bisbarra os da época castreña, non foron aínda obxecto dun estudo profundo atopándose unicamente catalogado.

A pesar desta falta de información de campo froito de traballos realizados nos depósitos coñecidos, podemos afirmar que con anterioridade á romanización a parroquia xa se atopaba habitada sendo o castro do Mourón un vestixio desta época.

Por atoparse Caamouco entre varias localizacións importantes pertencentes á época romana, como son a vila de Noville (Mugardos), Sopazos e Centroña (Pontedeume), etc. nas que se levaron a cabo importantes traballos arqueolóxicos. A romanización tivo unha influencia notable sobre os habitantes, se ben de momento non existen vestixios de ningunha construción pertencente a esta época.

A coexistencia das dúas culturas castreña e romana conduciu en moitos casos ao abandono de antigos asentamentos humanos e á fundación de novos núcleos urbanos. Algúns dos pobos da bisbarra poden ter o seu momento fundacional nesta época.

Idade Media

 Transcorre o ano 1114 e posteriores e D. Pedro Fróilaz conde de Galicia, de Traba, de Trastámara, figura en certos documentos do Cartulario de S. Juan de Caaveiro como persoa cun referente claro a S. Vicente de Caamouco ben como: Petrus in Calamouco", "tenente Caamoquo Veremudus Petri".

 

Máis tarde (1157) en documentos do Tombo de Sobrado aparecen dúas referencias ao seu fillo Fernando: "Dommus Vermudus e filius eius dommus Fernadus in Calamuco" e "Fernadus Veremudiz señor en Calamouco".

Como conclusión a estas referencias hai autores que consideran a D. Pedro Fróilaz como conde de Caamouco, tamén quen estima que foi señor de Caamouco, propietario en Caamouco. O que se desprende do anterior e se pode afirmar; é que Caamouco era unha referencia importante a incluír nas cláusulas cronolóxicas dos documentos que asinaba D. Pedro e os seus descendentes e unha definición do estatus social dunha das familias máis poderosas e importantes da época.

A principios do século XIII, o couto de Caamouco pertence á Igrexa de Santiago e así vaise manter ata a desaparición dos señoríos. (Nota -3)

No ano 1397, prodúcese un feito en Caamouco que ten por se unha importante repercusión na bisbarra, a doazón de bens por Fernan Perez de Andrade e como consecuencia dela a fundación do Mosteiro de Sta. Catalina de Montefaro. O comezo do documento, escrito en galego, di: "Dia Domingo primeiro de jullio ano do nascemento do noso SeñorJesucristo de mil é trescentos é noventa é sete anos en S. Vicenzo de Caamouco Yo Fernan Perez de Andrade, é presenza de........". Para que en Caamouco se levase a cabo este importante acto, como mínimo tíñanse que dar varias circunstancias: existir unha construción o suficientemente ampla como para albergar os asistentes ao acto, unha familia, congregación ou persoa que fose garante do éxito protocolario e pode que tamén cunha loxística apropiada á circunstancia fundacional. Parece que todas as necesidades estarían cubertas existindo un pazo ou mosteiro en Caamouco. Hai importantes indicios documentais de iso e mesmo a existencia do topónimo "Pazo", nas terras inmediatas á actual Igrexa de S. Vicente de Caamouco, parece confirmar esta posibilidade.

Idade Contemporánea

 En 1808 a entrada das tropas francesas en España propicio unha alianza con Inglaterra para defenderse do inimigo común francés e para esta misión foi comisionado D.Francisco Bermúdez de Sangro do Pazo do Piñeiro de Caamouco.

Toponimia, Fonte de información

 

Os topónimos, dentro da información dispoñible para dar corpo ao coñecemento histórico da nosa parroquia, son un dos elementos máis importantes a considerar, sobre todo por dispor de fontes documentais de diferentes épocas, xa que o seu estudo lévanos a coñecer os aspectos que configuran a arqueoloxía do topónimo.

En moitos casos o topónimos son referencia a unha actividade, noutros cualifican un accidente xeográfico e sempre son unha referencia, que o paso dos anos non puido borrar, a un pobo e a súa lingua.