Joaquín o Buzo de Redes

Joaquin O BuzoXaquín Pita López

Andaba o ano 1977 e vivíase unha barafunda política no país. Íamos no metro de Madrid, Joaquín non se encontraba ben e baixamos dúas estacións antes do destino, a súa faciana pálida, o xentío, un ir e vir esgallador de mirada agochada, non sabiamos que o seu corazón era coma papel de fumar. Sentados nun banco foi recuperando e seguimos falando de política mentres os trens cruzábanse no bulir da trafega. Contrastaba a miña xuventude de ansias de liberdade co pensar dun espírito castrense onde víase o desgaste dun longo tempo de intolerancia. Os militares non querían deixar o poder, mais debeuse dar conta que a conversa trascendía de home a home e dixo: “Eu son demócrata” . Co paso do tempo esa reafirmación mostrou ser certa, pois a maioría dos homes son vítimas do seu pasado.

Joaquín López Freijomil, naceu no ano 1903 en San Juan de Piñeiro, (Mugardos) no seo dunha humilde familia numerosa, dúas Irmás Sofía e Leonor e catro homes José, Joaquín, Gerardo e Benito, os lembro a todos con moito agarimo.

No inicio da última centuria, malvivíase no estancamento. Os rapaces máis novos non tiñan escola nin xardíns. Nos peiraos coa fame de tentar a pesca activábase a ensinanza, pero o boom da sardiña non da para todos, o microclima social, leva a xente a emigrar.

Joaquín emigrou xunto co seu irmán José a Habana, tiña 19 anos e levaba postos os zapatos da súa irmá Sofia, e alí na profudidade caribeña adicaronse a mergullar collendo esponxas. O tempo na illa foi curto, una das razóns é un segredo de familia, a outra foi pola, explotación, que foron vítimas moitos galegos de seus veciños, que se converteron en caciques no outro lado do mar, coma se fora unha segunda escravitude. Non existiu o luxo do barroco do Centro Galego para todos, algúns voltaban por non sopor a anguria de morrer fora enriquecendo terra allea. Joaquín e seu irmán voltaron de Cuba como se foron co fardel ao lombo.

Camiñaba o ano 1924 e Joaquín entraba na Armada en Ferrol da man dun tío seu, e no ano 1927, saia alférez na escola de oficiais de Cartaxena. De volta a Ferrol ingresou na escola de buzos onde chegou a ser un dos seus mandos, a súa arte como mergullador en Cuba, foi esencia viva do seu futuro. Os destinos que tivo foron moitos, o mar é infido, e as fonduras perigosas. Casou con Encarnación Antón Cela, ela con dezasete anos e el con vintecatro. Tiveron tres fillas: Filocha, Alicia (a miña nai) e Mandina.

Os tempos tristes da guerra civil, colleron a todos eles, co o terror que supón matarse entre veciños, é coma vivir unha terceira escravitude, coma si a vida non dera mais oportunidades que as desgrazas. Xa na metade do ano 1937, un destrutor do bando republicano chamado Ciscar que se encontraba nó Musel, de Xixón, foi bombardeado pola aviación franquista, quedou escorado, afundido en horizontal e para as labouras de salvamento a Armada mandou a Joaquín, xunto con outros buzos buscados ná costa cantábrica, traballaron nas tres fases para deixar operativo o buque, bragas de popa e de, proa, cabrias facendo de palanca dúas grúas e unha cama de sacos de area, foise dando volta o Ciscar, logo os buzos taparon mais dun milleiro de buratos. O Ciscar foi o único buque de guerra español que afundiu dúas veces,pois no ano 1957 naufragou na costa oeste da ría de Ferrol, seus restos aínda están espallados ata na Punta do Segaño.

Estes tempos tan cativos colleron seu xeito en bo ciclo de traballo para Joaquín, pois a guerra deixou afundidos moitos buques, que era traballo para os buzos. Joaquín e José volveron a coller esponxa, pero esta vez levaron outro irmán, Benito e a outro lugar: Fernando Poo, ( Guinea ). Estiveron un ano, por medo a coller a malaria pois tomaban quinina, e o fígado resentíase. Benito quedou máis tempo, adicábase a construción de casas, e íalle ben, alí naceu seu fillo Fernando. Benito colleu febres altas e tivo que voltar, por pouco salvou a vida.

A armada, levou a traballar a Joaquín a Valencia a erguer un submarino alemán afundido preto do Grao . Alí, baixo unha duna no mar, explotoulle un cartucho de dinamita na manobra de levantamento, cen días estivo ás portas da morte, ao final cortáronlle o brazo dereito para non encangrenarse. Salvouse, e quedou manco co xogo do codo para levar a cesta de recoller as mazás. As necesidades despois da guerra eran de todo tipo Joaquín non deixou de traballar aínda faltándolle un brazo. Fixérono cabaleiro mutilado, coa Cruz de San Hermenexildo e colocáronlle unha ventosa no brazo que non tiña, para suxeitarse polas chapas dos buques mergullados.

Preto de Cabo de Gata, (Almería), existe un lugar, chámanlle Laja, é unha pedra que emerxe do fondo mariño e quédase, a cinco metros da superficie. Un día de moita carraxe no mar, o Arna, un buque de vapor que tiña un calado de 6,6 metros, atopouse coa Laja. En segundos inundouse a adega n.3, o capitán quixo evitar o arrecife e navegou para fora unha milla ata afundirse a 42 metros cunha carga de 2000 toneladas de ferro.

Esta vez, mandou a Armada ao buzo de Redes, a localizar e erguer o Arna. Para esta laboura, levou xente da súa confianza, pois dende a perda do brazo non se fiaba dos mariñeiros que traballaban con el. Esta xente de confianza eran seus veciños, como Alfonso o irmá de Toto. --”Tí non pares de darme aire, non saúdes a ninguén, pois non eres militar e non estás obrigado”-- Dicíalle a Alfonso. Levou a José Montero irmán de Candita y Tere, que xa non voltou e formou unha familia en Almería, tamén Joaquín levouse a súa filla Mandina, que se namorou en Adra. Hoxe vive alí co as súas fillas, e unha chea de netos.

Joaquín, levou de Redes, a Miluco Ramos, a Pepe o Leliche, Manolo o Canario, os Zocos, Pedro de Boebre, todos eles convertéronse en excelentes buzos. O buzo sempre ía con seu irmán José, que se fixeron cunha embarcación que se chamaba “Saldes”, equipada con aparellos para a recuperación dos materiais, e para ir e vir dende o lugar do afundimento, ata Adra.

O capitán da mariña mercante, Miguel López 88 anos, hoxe vive en Ares, é o derradeiro arpoeiro que matou unha balea ná Península Ibérica, lembra cando coñeceu a Joaquín e a José no peirao de Sagunto, onde xunto con outros buzos de Mugardos, os irmáns Gallego Abeledo, Manuel e Guillermo, dirixíanse a Blanes (Girona).

Maio do 1937, o buque da Transmediterránea Ciudad de Barcelona, navegaba rumbo Mallorca, abordo uns 300 brigadistas internacionais, que loitaban co a república, non encontraban acougo no mar, as tropas franquistas, ían tomando todos os portos. Fuxindo da situación, colleu rumbo Girona, e preto de Blanes, “Calella” un submarino chamado Sanjurjo, torpedeouno, matando a case todos, a maioría norteamericanos. No ano 1949, os buzos de Redes e Mugardos desguazaron, con dinamita o Ciudad de Barcelona, recuperando o pecio, ouro catalán, botellas de cava.

No ano 1929, un cargueiro francés chamado “Malakoff”, con trinta tripulantes a bordo, facía a ruta Argel Marsella. Cando navegaba a altura da illa de Menorca, tiña que deixar a estribor o faro d’Artrux, mais debeuse equivocar coa torre d’Artrux, de noite e con pouca visibilidade impactou contra a costa, salvándose nove tripulantes que andiveron a deriva toda a noite, ata que foron rescatados polo persoal do faro, o primeiro oficial que salvou, non soubo dicir onde foi o afundimento.

A Flota Italiana, foi atacada por la aviación nazi, preto de Cerdeña, era o ano 1943. No acorazado Roma, que tiña unha tripulación 1253 homes, morreron 849 entre oficiais e mariñeiros. Os superviventes recollidos polo acorazado Atilio e escoltados polos torpedeiros Orsa, Impetuoso e Pegaso, fuxiron do ataque chegando ás illas Baleares. Alí, na baía de Pollensa, (Mahón), despois de desembacar os feridos, as tripulacións do Impetuso e Pegaso non se fiaban da neutralidade de España e afundiron as súas propias naves por medo que toparan con elas os nazis. Mentres Joaquín e José traballaban no porto de Barcelona recollendo todo buque afundido alí, e nunhas condicións de falta de medios, que sempre lembraron coma una etapa dura e triste da súa vida.

A Base Naval de Mahón, manda a Joaquín a localizar todos buques afundidos na costa de Menorca era o ano 1953. Os torpedeiros italianos, Impetuoso e Pegaso, aínda hoxe están a cen metros de profundidade sen recuperar. Unha mañá cando dobraban co a embarcación “Saldes” o Cap dArtrux, os nosos buzos, imaxinando que a tripulación do Malakoff fora borracha para confundir o faro co a torre, fixeron un cálculo de aproximación do afundimento, que nunha das mergulladas, José despois de 24 anos afundido atopou o Malakoff, con ún bo pecio de ferro e porcelana. Tal foi o éxito de José que quedou a vivir en Ciudadela co a súa muller Gloria e seus fillos, a Armada concedeulle os dereitos da explotación como empresario polo salvamento do Malakoff.

No ano 1954, Joaquín deixou a Armada e cambio o mar pola horta, nó rús de Redes, que se vivía na multitude, en comparanza do rús de hoxe, os nenos multiplicábanos por cen, hoxe tres, daquela trescentos.

Nos tempos da ditadura, malvivíase en unha escasee de medios materiais e sociais de primeira orde, nas casas non chegaba a auga, moitos fogares tiñan chán de terra. O troque, “hoxe por tí, mañá por min” así ían traballándose as cousas. Nestas tempurias cativas, Joaquin que sabía de augas salgadas e doces, foi pioneiro xunto con outros veciños, de socializar a auga para o pobo, un ben común, que hoxe síntese con moito orgullo en Redes. Tamén nos anos 50 e 60 as viúvas e as redeiras non cobraban subsidio, Joaquín que chegou a ser o secretario do Pósito de pescadores e mariñeiros de Caamouco, iniciou unha laboura para que estas mulleres puideran cobrar os seu dereitos. Algunhas, que eran máis novas, lembran hoxe este feito, mentres os netos lembramos que nos ensinou a mergullar antes que a nadar.

Nó metro de Madrid, fervía o xentío polas escalas de baixada e de subida, saímos á frescura do ar da rúa. Os seus ollos grises, coma o fondo mariño, miráronme por derradeira vez. Biqueino, pois regresaba a Redes, onde falecía dun infarto, nove horas despois de agardar unha ambulancia.