Calendario de reservas da Agrupación Instrutiva de Caamouco

Este é o calendario de reservas da Agrupación Instrutiva. Se queres solicitar o uso das nosas instalacións envía un WhatsApp ou chama ao 680 16 19 29.
As actividades e cursos da Agrupación prevalecerán sempre sobre calquera outra.

Supoño que para a xente nova o Regueiral non é máis que monte e estrada, como calquera outra estrada e como calquera outro monte. Para os que xa temos anos, ou polo menos para min, é moito máis ca iso. Aínda hoxe, cando deixo Limodre, teño a sensación de deixar atrás un mundo e de internarme noutro completamente distinto.

Certamente a estrada une ámbolos dous mundos, pero o Regueiral traza un límite imperceptible para os que viven na outra banda. Nós o recoñecemos ¿verdade?, nós sabemos que son dous mundos distintos, somos partícipes dun misterio que apenas pode expresarse con palabras. Pero, ao mellor trabúcome e as miñas lembranzas non son senón pedras no camiño do meu propio Swann.

Lembro cando de pequeno acompañaba ao meu pai a limpa-lo monte. Aquel era un monte irregular polo que pasaba un regueiro. Non sei que foi do monte, perdeuse entre as partillas dalgunha herdanza. Pero aqueles momentos estarán sempre comigo. Só co meu pai, sentindo a calor da súa compaña, sentíndome protexido, a salvo dos escuros presaxios ocultos tralas árbores.

Lembro aquelas noites de sábado cando volvíamos do cine de Limodre. Eran noites máxicas. Penso que se íamos ao cine non era por ve-la película senón polo ben que o pasabamos ao volver xuntos. Só falabamos ou escoitabamos, escoitabamonos; e iso abondaba para sér felices. José, Juan, Rubi, Roberto, Luis, Arturo, Juan Luis, … ¿lembrádelo vós? Recordo tamén como no Regueiral pola noite, as veces, escintilaban luces de misterio nas mans de quen as portaba agochado tralas árbores centenarias . Pero ¿quen as portaba? No Regueiral, tamén pola noite, escondíase Don Eduardo deitado nas cunetas para levantarse de socato e darnos un susto de morte. No Regueiral, onde as tres nogueiras -que xa non existen-, Penón citouse coa morte, e ningún dos dous faltou a cita.

Javier Yáñez

As bodegas da cascaHabía outra operación que era necesario facer cos aparellos. As redes eran, como xa dixen, de fío de algodón, e en consecuencia brancas, era necesario tinguilas para facelas menos visibles no mar e sobre todo para conservalas. (Tamén se lle facía antigamente ás velas das lanchas e botes)


Esto facíase nas “bodegas da casca”, onde había unha caldeira na que se quentaba auga, queimando leña debaixo e se fervía casca de piñeiro, facíase así un tinte no que se cocían as redes para que colleran a cor castaña que tiñan. Esto había que facelo periodicamente, pois ó usalas a diario as redes íaselles lavando a cor e era necesario tinguilas de novo.

Estou vendo ós mariñeiros, cruzar o Pedregal ou subindo as escaleiras da Areamorta, po la calle da Riveira, cada un cás voltas de aparello que lle tocaban ó lombo, a boina, as zocas, ou xa despois as botas de goma, en fila cal unha santa compaña, cara as bodegas da casca. Juan Pindanga, Jaime, Cachete, Tizón, Antonio o Zurdo, Campitos, Pirixel, .... Pero este traballo non era dos peores, mentras se cocía o aparello asábase algún compango no lume e con pan e un pouco viño e algúns contos a cousa levabase ben.

Ó acabar a operación baleirábase a caldeira e tirábase a casca ó mar por un desaugue de madeira, que se conserva en parte e que se aprecia na foto, e vertía nas rochas que hai debaixo, que xa tiñan sempre a cor da casca. Que ben o pasábamos os cativos, cando estaba a marea chea, nadando naquela auga quente! E, como os aparellos, saiamos tamén encascados.

Fonte: Blog En Redes non te quedes ...